Wednesday 08 de May de 2024

O Concello de Noia saca a licitación por máis de 57.000 euros a renovación do pavimento da rúa Igrexa, en Santa Cristina de Barro


O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o 1 de xuño

O Concello de Noia vén de sacar a licitación as obras de renovación do pavimento existentes na rúa Igrexa, na parroquia de Santa Cristina de Barro. Unhas obras orzamentadas en 57.642,44 euros e cun prazo de execución máximo de 3 meses. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 1 de xuño na Alcaldía do Concello de Noia.

O alcalde, Santiago Freire, explica que esta actuación ten como obxectivo “mellorar o estado actual dunha das rúas máis importantes de Barro, pois dispón de acceso dende a AC-550 e desde a estrada da Deputación que percorre a parroquia, ao tempo que aproveitaremos para rozar e limpar a vexetación existente no borde das beirarrúas, sobre todo na zona onde están os contedores de recollida do lixo”. De feito, nesta rúa está emprazada unha gran área comercial, o que supón que soporte un tráfico notable durante todo o día, tanto peonil como rodado.

As obras consistirán no asfaltado da rúa Igrexa con 6 centímetros de asfalto realizado con mestura bituminosa en quente, sobre o que se realizará o correspondente pintado viario. A maiores, aproveitarase para rozar e limpar a zona da vexetación existente no borde das beirarrúas e na zona dos contedores do lixo, onde se cambiará a base de zahorra compactada por outra de pavimento continuo para evitar que medre a vexetación.